Prorural inicia un inventario de bens e oportunidades no territorio do Xeoparque Montañas do Courel

A Asociación Prorural Galicia, en colaboración cos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, está a desenvolver un inventario de bens e recursos territoriais co obxectivo de identificar inmobles, fincas, elementos patrimoniais e espazos produtivos que poidan converterse en novas oportunidades de actividade económica no territorio.

O traballo realízase xunto aos técnicos municipais de cada concello e abrangue desde edificacións tradicionais, parcelas agrarias ou mesmo bens históricos, restos arqueolóxicos industriais, como poden ser antigas ferrerías, así como terreos aptos para a implantación de empresas que contribúan á creación de emprego. Tamén se consideran os terreos localizados nas proximidades de cursos fluviais, como o cauce do río Sil, que ofrecen un elevado potencial para a implantación de iniciativas empresariais asociadas a proxectos turísticos.

Este mapeo forma parte dun proxecto pioneiro que busca localizar posibles recursos territoriais, conectalos con persoas emprendedoras e posibles inversores impulsando iniciativas capaces de dinamizar a economía local e contribuír á fixación de poboación na comarca. Neste sentido, o próximo día 1 de xuño terá lugar en Madrid a sinatura dun manifesto de colaboración para a creación dun HUB de Emprendemento e dunha sociedade de investimento ligada ao territorio. O acordo contará co apoio da xestora Oryon Universal, a comunidade de investidores de Casa de Outeiro, o Grupo Rural Manager S.L., a Asociación que engloba os concellos do Xeoparque, a Asociación de Empresarios do Xeoparque e a Asoc

O modelo de traballo de Prorural nestes concellos baséase en analizar o territorio, identificar e contactar cos propietarios de bens, inmobles, fincas, espazos produtivos ou elementos patrimoniais para explorar a súa posible recuperación e posta en valor.

Para avanzar neste proceso, organizaranse reunións informativas cos veciños e veciñas dos tres concellos, co obxectivo de explicar o proxecto e facilitar que as persoas propietarias poidan comunicar os bens ou recursos dos que dispoñen e que poidan ter potencial de uso. A complexidade histórica da estrutura da propiedade no territorio, marcada polo minifundio, o abandono e a perda de referencias familiares, dificulta en moitos casos identificar quen é o titular real de moitos inmobles ou parcelas. Por este motivo, estas reunións servirán para achegar información, resolver dúbidas e localizar propiedades que poidan ser recuperadas, postas en valor e incorporadas ao inventario territorial.

Con este proxecto, desde Prorural e o resto de entidades, buscamos impulsar o desenvolvemento rural, atraer investimento, crear emprego e contribuír á fixación de poboación nestas zonas, servindo ademais como proxecto piloto para futuras implantacións noutros territorios.

Ribeira Sacra Xa (27/05/2026)

GaliciaDigital (27/05/2026)

Más noticias

gl_ESGL